24 artigo/s coa etiqueta Galego


Merla merliña

Aquí deixo a letra desta fermosa cantiga de Xosé Luis Rivas Cruz (Mini) e un comentario sobre "neal" que segundo o dicionario de Eligio Rivas Quintas (1978), significa "niño de galiña", neste caso enténdese que de Merla.

Melra, melriña,
doce asubiar;
trás daquel valo;
fuches pousar;
eu hei sabere do teu neal,
eu hei sabere do teu neal.

Anque te agaches
no silveiral,
anque me leves
pra outro lugar;
eu hei sabere do teu neal,
eu hei sabere do teu neal.

Non teñas medo,
non hei roubar,
os paxariños
que queres gardar
quero sabere do teu neal,
quero sabere do teu neal.

Biquiño rubio,
lindo asubiar!,
dime onde gardas
o teu fogar.
Non teñas medo
non hei roubar,
nin os teus fillos,
ni o teu cantar.

Fuxan os ventos

Piwigo 2.5.1 en galego.

Acaba de ser publicado o Piwigo 2.5.1 o cal está dispoñible en galego. Piwigo é un xestor web de galería de fotos. Esta nova versión corrixe erros principalmente introducidos por cambios de Piwigo 2.5. O paquete coa tradución ó galego pode descargase de aquí: http://piwigo.org/ext/extension_view.php?eid=681&rid=4026#rev4026

Piwigo 2.4.0 traducido ó galego.

Piwigo é un aplicativo de galería de fotos para a web, construído por unha comunidade activa de usuarios e desenvolvedores. As extensións fan que Piwigo sexa doado de personalizar. E o mellor ca mellor, Piwigo é gratis e de código aberto. Actualmente está traducido o núcleo da galería así como algúns engadidos e a axuda está en progreso. O paquete co idioma galego xa pode descargarse aquí.

Revisión da tradución de que é software libre.

Deixo aquí isto para non esquecerme.
https://www.gnu.org/philosophy/free-sw.gl.html

O FTPBox dispoñíbel en galego.

O día 20 de outubro de 2012, publicouse a versión 2.2.2 do FTPBox. Esta é a primeira versión que inclúe o galego entre os idiomas dispoñíbeis. O FTPBox é un aplicativo ao estilo do Dropbox pero para traballar co teu propio servidor, neste caso un servidor FTP, sen depender de terceiros. A súa licenza é GNU GPL. O proxecto aínda é novo, e non é que sexa moi estábel. Neste momento só hai versión para windows e está prevista unha versión para linux.ftpbox 2.2.2

O xogo do trompo no Grove.

Autor: Andres M. Muñiz Fontoira.

1. Introdución.

O trompo é un dos máis populares xogos tradicionais. Pese á súa antigüidade segue cativando ás novas xeracións sen perder, así, en absoluto o seu atractivo. Todo o mundo xogou algunha vez ó trompo. Hoxe en día o trompo é un xoguete máis que se pode mercar en calquera lugar e hainos de tódolos tamaños e materiais (sobre todo de plástico compacto), máis, os nosos avós tiñan que facelos eles e só de madeira, e esta madeira non podía ser calquera, tiña que ser unha madeira forte e dura como a de castiñeira, carballo e sobre todo de buxo.

2. O xogo.

O xogo que se xoga no Grove non ten nome, isto débese a que, neste concello, practicamente, só se coñece un xogo de trompo. Existe outro xogo: "xogo da focho" o que case non se xoga, pero sigamos co primeiro. Este xogo consiste en: 1. Establecer as regras. 2. Mirar quen vai a ser o quedado, que sempre vai ser un e só un, isto determinase mediante o Haber quen queda (ver cadro), este quedado poderá librar máis cara adiante cando algún outro xogador cometa un erro. O erro consiste en facer algunha destas accións:
  • cando o xogador tire o seu trompo non consiga que baile,
  • de conseguir que baile, que non sexa capaz de golpear ó trompo do quedado co seu trompo aínda bailando,
  • que se cole na quenda de outro,
  • facer algo prohibido nas Regras.
3. Comenzar a tirar segundo os postos preestablecidos no "Haber quen queda". Mentres tira un xogador os outros teñen que agardar. Os quedados han de ir rotándose a medida que vaian aparecendo erros. O que persegue o xogador é atinarlle á primeira ó trompo do quedado dándolle un "barrigolo" ou un "güesco" e así ver como este roda polo chan ou/e se lle fan pequenas marcas (a perfección neste xogo sería chegar a "fender" o trompo do quedado, caso que é case que imposible, a non ser que estea defectuoso), se non lle dá a primeira entón haberá que "tomar" para así, co trompo bailando na man achegalo ó máximo posible ó trompo do chan para soltalo riba deste, darlle, e así zafalo turno e non quedar. 4. Os xogadores (que non sexan os quedados) a medida que xa vaian cansos poden descansar un momento dicindo: "saio do xogo" e logo volver ("entro no xogo") ou por fin rematar a súa participación dicindo: "abandono". O xogo remata cando "abandonan", se "despiden", ou "saen do xogo" todos quedando só, por último, o quedado.

3. As regras.

As regas son unas sinxelas obrigas ditas antes de comenzar nada e as que hai que respectar. Con que haxa un xogador que dite unha legra xa ten que ser acatada, e non vale que outro xogador diga outra legra que a contradiga. As máis comúns son: -¡Non vale cambiar de trompo!. Polo que se prohibe que cando a un xogador lle toque estar de quedado cambie o seu trompo por outro (normalmente un trompo xa moi vello e sen punta). -¡Non vale despedida con batiqueira!. Prohíbese un tipo de despedida que consiste en coller o trompo do quedado e esnafralo contra un muro. -¡Non vale mirar güescos!. Co que non se permite tocarlle ó trompo do quedado para ver se se lle fixo algunha entalla.

4. Glosario.

1 Abandonar Deixar de xogar non podendo volver á partida, xamais se poderá abandonar mentres se está quedado.
2 Andar de barriga Forma incorrecta de xirar o trompo, xa que desprázase sobre a súa barriga, sen facer contacto no chan co ferrete.
3 Andar de carreiriña. Forma incorrecta de desprazarse o trompo, na que o seu ferrete e a súa barriga van ámbolos dous tocando o chan, e vitando así que o trompo baile.
4 Andar de cu É cando o trompo anda sobre o seu cu no lugar de andar sobre o ferrete.
5 Andar lanso É o contrario de andar raño, é dicir, o ferrete está perfectamente centrado, producindo así o seu ferrete unha sensación de suavidade na palma da man co seu bailar.
6 Andar raño Dise que o trompo anda raño cando ó tomalo, nótase na palma da man unha sensación moi vibrante e áspera producida polo movemento descentrado do ferrete.
7 Bailar Dise que un trompo baila cando está xirando sobre o ferrete, sendo esta a única parte do trompo en contacto co chan.
8 Barriga Parte do corpo do trompo onde esta se fai máis grosa.
9 Barrigolo Gran impacto que se produce coa barriga do trompo que lle toca xogar, sobre o outro trompo que fica no chan, ó ser, o primeiro, tirado; provocando un forte desprazamento sobre o segundo.
10 Bicar Dise que un trompo bica a outro cando despois de ser lanzado e estar bailando sobre o chan se achega ó segundo efectuando pequenos roces sobre este co seu xirar.
11 Bico Acción de bicar.
12 Brenza Cordel que é enroscado ó redor do trompo para logo, lanzando o trompo, este vire ó seu redor.
13 Buxa É a velocidade coa que o trompo xira.
14 Buxaina Trompo de madeira de buxo.
15 Cacerola Aro debuxado no chan, normalmente con radio de unha piola, do que se pretende sacar o trompo dun quedado.
16 Cambiar Cambiar de trompo (de novo a vello polo xeral) cando o xogador pasa a quedar. Isto é normalmente prohibido.
17 Cebola Trompo barrigudo con forma de cebola.
18 Coller fiarroca Dise de coller fiarroca cando se embrenza mal a piola quedando esta frouxa, producindo así un tiro errado.
19 Cu Parte superior sobresaínte do trompo na que se engancha a brenza.
20 Chapa Pequena placa de latón (xeralmente) que se coloca nun estremo da piola para facilitar o agarre desta.
21 Despedida É o último turno que fan os xogadores non quedados, para así, rematar o xogo.
22 Durmir É cando o trompo empeza a cambalearse por mor da pouca buxa que lle vai quedando.
23 Entrar no xogo Frase que se debe de dicir antes de volver a proseguir o xogo cando esta persoa "saíuse do xogo".
24 Entrar quedando É cando se admite a participar nunha partida xa comenzada a un novo xogador coa condición de que sexa o novo quedado.
25 Estrías Tres ou catro estrías talladas concentricamente nas 3/4 partes inferiores do trompo para evitar a fiarroca.
26 Fender Darlle un gran güesco ó trompo quedado, facendo que este parta en dúas metades.
27 Ferrete Punta de metal sobre a que xira o trompo.
28 Focho Burato no chan ó que se pretende levar o trompo do que queda.
29 Güesco Entalla, gravado que deixa un trompo ó bater noutro trompo co seu ferrete.
30 Librar É o feito de desaparecer a túa obriga de quedar, porque hai un novo quedado
31 O "haber quen queda" Pequeno xogo inicial no que tódolos participantes que van a xogar tíranlle a unha pedra pequena, o que máis lonxe quede será o primeiro quedado.
32 Partida Unha sesión de xogo que remata coa aparición dun gañador(es) definitivos.
33 Peón Trompo, buxaina.
34 Picó Acción que se efectúa un xogador dentro dunha partida con dous trompos á vez, e que consiste en tirar un dos trompos, e mentres este baile, co outro agarrado na man darlle coa punta ó trompo do quedado producíndolle a este pequenas entallas.
35 Piola Brenza.
36 Pirindola Trompo de pequeno tamaño xeralmente con moita buxa.
37 Punta Ferrete.
38 Quedado Persoa que queda deixando así o seu peón sobre o chan.
39 Quedar É cando ó inicio do xogo (por sorteo), ou mediante o transcurso do xogo (ó cometeres un erro), tócache deixar o trompo no chan para que os demais lle tiren.
40 Rañucada Trampa, engano que se fai.
41 Rañuqueiro Persoa que fai rañucadas.
42 Sairse do xogo Descanso momentáneo que pide un xogador sen a perdida dos seus dereitos, podendo proseguir o xogo máis tarde. O quedado xamais goza deste dereito. Se todos se saen do xogo acábase a partida.
43 Tirar Lanzar o trompo para facelo bailar.
44 Tiro Acción de tirar.
45 Tomar Coller o trompo, mentres está bailando, na man, mantendo este o seu baile.
46 Tomar coa brenza Acción de tomar axudándose da brenza, isto é, dáse unha volta coa brenza ó redor do trompo e mediante un golpe seco faise que este se levante do chan e así métese a man debaixo para tomalo.
47 Tomar no aire Tirar o trompo e antes de que cheque ó chan metela man embaixo e así non deixalo tocar chan.
48 Turno Momento no que lle toca a un xogador de tirar. Quenda.
49 Votar Tirar.
50 Zoar É o son que produce o trompo ó rozar co aire do seu redor cando baila.

Agradecemento á comunidade de Wordpress en Galego.

Meu agradecemento á comunidade de Wordpress en galego. Grazas a ela podo ter o tema TwentyTen completamente traducido. A tradución pode descargarse de aquí: http://svn.automattic.com/wordpress-i18n/gl_ES/themes/twentyten/ Para instalala hai que copiar os ficheiros no cartafol do tema TwentyTen chamado languages. ('/wp-content/themes/twentyten/languages/')

Memoria de tradución de Joomla! 2.5.4.

O día de onte, 21 de maio foi publicada, na web do Proxecto Trasno a primeira memoria de tradución de Joomla!, foi feita a partir da tradución da versión 2.5.4 (cuarta revisión da versión 2.5) que é a que neste momento está en vigor. Consta de 32513 palabras e 4993 cadeas e ten un tamaño de 149KB. A tradución para Joomla! 2.5.4 foi pendurada onte (21 de maio de 2012) en joomlacode.org (a forxa de Joomla!) e está traducida ao 99% (practicamente completa). O galego está entre as traducións acreditadas por Joomla! o que permite que o instalador tamén estea traducido e polo tanto, poder levar a cabo o proceso de instalación en galego.

A Trasnada 12.0 terá lugar os días 18 e 26 de maio de 2012.

O Proxecto Trasno é unha comunidade aberta de voluntarios que se adican a localizar (traducir) software libre ao galego. Os días 18 e 26 de maio terá lugar no Centro Ágora na Coruña, a Trasnada 12.0, organizada por Proxecto Trasno. Tes máis información na web do Proxecto Trasno e na súa wiki. Trasnada 12.0

Tradución de: to edit (editar, modificar e publicar) ao galego.

Vaia por diante que non son lingüista nin experto na materia aínda que as veces traduza software e me interese o tema.

Coa chegada da informática chegou o uso de edit como editar referido a modificar algo. Seguramente isto ben de que edit en inglés amais de modificar pode significar publicar de aí que, supoño, editar aparecese como tradución de edit.

O caso é que desde o meu punto de vista traducir edit (co significado modificar) como editar é confuso xa que hai contextos nos que non é posíbel saber se se refire a edit-modificar ou a edit-publicar.

Poñamos un exemplo:
Partindo da cadea "Edit state is not permitted", para comezar temos que, sen contexto, resulta complicado saber como traducir xa que non é o mesmo:
"Non está permitido modificar o estado"
que:
"Non está permitido publicar o estado"
e sería confuso:
"Non está permitido editar o estado"

Polo tanto o propio inglés neste caso xa é confuso e ao darlle o en galego o uso edit-modificar estamos a crear a mesma confusión.
Na miña opinión isto resolveríase revertendo este, desde o meu punto de vista, falso amigo
edit(modificar)->editar, mudándoo por:
edit(cando signifique modificar)->modificar e edit (cando signifique publicar/editar)-> publicar (ou editar como segunda opción, para evitar confusión).

Amosando 1 a 10 de 24